Autora: Martínez Suárez, Iolanda   Título: As inmigradas míranse no espello da prensa española

 

Documento sin título As inmigradas míranse no espello da prensa española: Reflexións dunha autodesignación


Iolanda Martínez Suárez


Ao longo da súa historia de máis de tres séculos, o feminismo enfrontouse a varias reflexións e debates. Na actualidade, o reto pasa por reparar na relación das mulleres coas culturas e, nomeadamente, a situación das mulleres nun contexto de migración, na medida en que estes poñen en relación varios sistemas culturais nun mesmo espazo.
As cifras do INE dan boa conta do crecemento e consolidación dos movementos migratorios cara a España (dende 1996 e sobre todo dende o 2002) e da feminización da migración. Segundo datos de 2010 do INE, en España residen 45 millóns de persoas, das que un 11,6 % son de orixe estranxeira. E as previsións apuntan a que en 2015 chegaremos aos 50 millóns de habitantes, con case 10 de inmigrantes. A metade aproximada dos fluxos migratorios están compostos por mulleres, o que dá pé a falar de feminización da inmigración.
Na actualidade, hai toda unha serie de factores que nos empurran a espreitar a multiculturalidade dende unha perspectiva feminista: refírome á feminización da pobreza co aumento de mulleres pobres e o empeoramento da súa situación; a sobrecarga da identidade cultural que pesa sobre as mulleres, e que se agrava en tempo de cambios, etc.
A perspectiva feminista na que me inscribo —a senda non transitada da ilustración— baséase en dous conceptos —o estudo e crítica da situación de heterodesignación á que se ven sometidas ás mulleres e a análise da división dos espazos (público e privado) e a súa asignación correlativa ao xénero—. Para comprobar a presenza das mulleres na esfera pública un contexto de diversidade cultural, analicei a representación das migradas nos medios de comunicación, un dos principais escenarios do espazo público e unha das plataformas de negociación das identidades colectivas e de creación de opinión pública máis importante.
Logo de analizar unha mostra representativa de prensa rexional cunha metodoloxía crítica e cualitativa, concluín a invisibilidade das inmigradas nos medios e, polo tanto, a súa ausencia no espazo público. Ademais constatei a existencia dunha serie de estratexias de construción do estereotipo da inmigrada como unha muller dependente, vítima (de mafias, de compatriotas, etc.), pobre, inculta, exótica e sen capacidade de acción ou decisión propias, prexuízo que contribúe a reforzar o patriarcado —teoría que se asenta na exclusión das mulleres do poder e da esfera política por extensión—.
As distintas cabeceiras tratan a inmigración dunha forma moi similar, pese ás particularidades cuantitativas e cualitativas que ten o fenómeno nas distintas comunidades. Existen particularidades, pero non grandes diferenzas. Todos os medios empregan as mesmas estratexias discursivas que constrúen o estereotipo das inmigradas —a xeneralización, a falta de nominalización e individualización, a vitimización, a exaltación dos trazos delituosos, a incidencia na falta de axencia, o ton paternalista e un amplo etc.— en maior ou menor grao.
Os medios de comunicación cumpren a función da construción das mulleres con mobilidade cultural como parte dun estereotipo caracterizado pola súa pasividade. As cámaras dos medios apuntan os seus flashes cara a mulleres veadas, cara a nais con criaturas pola rúa ou nas pateiras, mulleres acompañadas polos seus maridos/noivos, en definitiva cara ao perfil de mulleres tradicionais. Pola contra, silencian e invisibilizan a outros colectivos de inmigradas menos tradicionais.
Na prensa as inmigradas non teñen voz. A aparición das protagonistas da inmigración como fontes é anecdótica. A ausencia de voz remite ao estereotipo da espera: a que está aí, pero non participa. A que espera a que a rescaten dunha pateira, dun prostíbulo, da rúa, etc. A que espera a que lle dean papeis nun proceso de regulación. A que espera a que a salven. O paternalismo é a columna vertebral do esquema mediático que presenta a inmigración. O enfoque trafiquista é unha das modalidades de estratexia paternalista máis usadas en prensa. Nos medios o tratamento dos temas da prostitución e da violencia machista son paradigmáticos no que respecta ao emprego das estratexias de vitimismo e falta de axencia na construción das inmigradas.
Os xornais prestan especial atención ás temáticas relacionadas coa violencia co propósito de problematizar o fenómeno da inmigración, e construír as inmigradas como vítimas, responsables en última instancia da súa situación, na medida en que non aproveitan as ferramentas que a sociedade de destino pon ao seu alcance. Isto é especialmente obvio no caso da responsabilización das vítimas de violencia machista da súa sorte cando non denuncian ao agresor reincidente, así como tamén nas noticias, maioritariamente de carácter retrospectivo, nas que os corpos de Interior —fundamentalmente a Policía— aconsellan ás vítimas que denuncien ás mafias ou agresores, ofrecéndolles a cambio inmunidade temporal. As migradas en situación de prostitución teñen que posicionarse como vítimas de trata, denunciar para ser protexidas.
A continuación presento a análise dun caso paradigmático de vitimización e tradicionalización da inmigración feminina. Trátase dunha noticia titulada «El terror en casa: El descenso al infierno de Ismael y Jenny», (Salvador Enguix/Alzira, 2/05/04, 40, La Vanguardia). Na apertura de sección figura o cintillo: «Protagonista: Jennifer Lara, Víctima de violencia de sexo», (2/05/04, 37). La Vanguardia reservou para a edición deste feito un espazo amplo de 4/5 de páxina a catro columnas anchas (o que equivale a cinco columnas). O contexto desta información publicada en Sociedade é outra nova de violencia machista. Tanto na portada da sección («Protagonista: Jennifer Lara, Víctima de violencia de sexo») como no pé de foto («Las víctimas. Jennifer Lara con sus hijos Keit, de 8 años, y María, de 5, que murieron en el incendio provocado por el padre de los niños») faise referencia explícita á condición de vítima da protagonista. Este feito está relacionado co tratamento a posteriori e de sucesos escollido dende a redacción. O autor da noticia non eleva á titulación o carácter activo e de autodefensa da protagonista, presentada mediante un alcume, Jenny, a antítese do tratamento de respecto. No corpo da noticia pode lerse como Jennifer denunciara ao maltratador, se sentenciara unha orde de afastamento e posteriormente denunciara á Policía que o agresor incumprira esa sentencia: «condenado... por un delito de maltrato hacia la víctima, incumplió la orden», «Jennifer llamó a la Policía, que conminó al agresor a alejarse, pero no notificó la infracción a los juzgados». A actuación da protagonista mostra unha gran dilixencia neste caso, sen embargo, unha lectura rápida (a máis habitual) dos titulares e o pé da fotografía non permite facerse esa impresión, senón unha ben diferente. Xa no final do corpo da noticia (a onde moi poucos/as lectores/as chegan) incídese de novo na axencia da protagonista: «el acoso verbal se incorporó al físico», «Jenny decidió entonces denunciar», «se separó», «pidió la custodia de los niños y se compró un piso», «ocho procesos, una sentencia por maltrato», «una orden de alejamiento». A exaltación da axencia das mulleres que sofren violencia machista é un bo exercicio discursivo. Sen embargo, este choca frontalmente coa exposición pormenorizada de detalles persoais e íntimos da outrora parella que pasan á actualidade informativa por un crime de violencia machista. Enguix, o xornalista que asina a noticia, detense en todo tipo de detalles vitimizantes, tales como a descrición da «salvación» do español que trouxo a súa amante de República Dominicana: «que la sacó de una realidad incierta para presentarle un mundo mejor». A frase anterior ten, no contexto dunha noticia de violencia machista na que se narra un suceso tráxico, unha lectura —cando menos— sospeitosa de racismo. Racionalmente, dende a perspectiva feminista, unha non pode imaxinarse que sexa mellor vivir en España sufrindo violencia machista que sen pasar por este trance en Latinoamérica. A narración pormenorizada da historia de amor entre os protagonistas ten, ademais dun claro obxecto sensacionalista, o efecto de reforzo dos estereotipos de xénero e da sobrerrepresentación das mulleres como vítimas. Frases como «fue un flechazo», «el amor ha acabado en tragedia» alimentan o mito do amor romántico ateigado de celos que contribúe a naturalizar a violencia machista. As seguintes expresión chegan o cumio de tal estratexia: «su excompañero comenzó a maltratarla después de tener a su segundo hijo», «estaba tan enamorada», «fue capaz de engendrar a María». Presentar o amor como un motivo de tolerancia da violencia machista contribúe á formación da poboación na idea equivocada e perniciosamente machista de que a violencia é connatural ao amor. Por outra banda, a descrición da protagonista responde aos estereotipos de xénero: «sólo el afable carácter de Jenny, su exuberante belleza física y humana, su pasión por la buena cocina y su incansable atención hacia su compañero, amortiguaban la frustración de un hombre...», «fue Jenny quien le consiguió el trabajo», «ella trabajaba de limpiadora», «tras hablar con [...] accedieron a darle trabajo a su compañero», «[ella] se rompía la espalda limpiando». Estamos perante unha caracterización que ben podería encaixar no molde de ama de casa perfecta: guapa, boa cociñeira, cariñosa, traballadora, limpadora, etc.; é dicir de muller tradicional. O efecto desta descrición é o reforzo da caracterización de muller tradicional e a súa asimiliación á esfera privada no tocante ao xénero feminino en xeral. Pero ademais, e dado que a descrición se emprega para referirse a unha muller presentada como inmigrada, esta caracterización reforza a asimilación de inmigración aos valores asignados a cada xénero pola tradición patriarcal. O que contribúe a abrir unha fenda entre as mulleres autóctonas e as alóctonas. Un tratamento mediático equilibrado sobre a violencia machista esixe que non se preste atención aos hábitos e costumes das vítimas, porque non engaden información pertinente e, pola contra, tenden a encadrar as mulleres en estereotipos de xénero e ofrecen á audiencia datos cos que xulgar o seu comportamento. O caso que se debe someter a xuízo nunha noticia de violencia machista é o crime de carácter estrutural que tivo lugar e non se a vítima fixo ou non algo que puidese desencadear tal feito, xa que a perspectiva é que a violencia é un acto sen xustificación posible. A violencia de xénero ten como causa principal a estrutura de discriminación e subordinación das mulleres aos homes, e tratamentos como o analizado contribúe á forxar unha tolerancia social á violencia machista, indesexable atendendo o carácter socializador dos medios e a súa función de formación dunha opinión pública crítica e responsable.
Nos parágrafos anteriores mostramos a heterodesignación que fan os medios —e por influencia a opinión pública— das mulleres inmigradas e a súa construción como recluídas no espazo privado. A continuación, conscientes da pertinencia dun diálogo feminista intercultural, aproximámonos á perspectiva de recepción do discurso mediático por parte das aludidas.
A autodesignación que reclaman as migradas dista moito da heterodesignación que os medios fan delas. O 85 % das inmigradas que enquisei síntense pouco ou moi pouco representadas na prensa. As principais críticas que fan as implicadas ao seu tratamento mediático son: a sobrerrepresentación de temáticas negativas (a violencia machista, o traballo sexual, o terrorismo, a violencia e a delincuencia, a chegada a España por mar, etc.); o uso de categorías que as constrúen como estereotipos tales como vítimas, reagrupadas, tradicionais, explotadas, tratadas, etc.; a súa afonía mediática, e o uso e abuso de variables como a situación administrativa, a nacionalidade de orixe ou a relixión, datos que as inmigradas prefiren omitir na súa presentación. Se as inmigradas redactasen as noticias que as implican empregarían categorías como persoa, traballadora, muller, nai, etc., termos pouco frecuentes no discurso sobre a inmigración.
O estereotipo da pasividade e a falta de axencia presente nos medios resta oportunidades ás migradas abrindo a fenda entre mulleres de diferentes orixes, nacionalidades, clases, etc., reforzando as diferenzas no canto de acurtalas, tarefa que persegue o feminismo. As estratexias de creación de distancia social e de exaltación dos trazos negativos dos outros e a dos positivos propios, típica do racismo discursivo, contribúen á creación do imaxinario simbólico excluínte.
O primeiro paso para un cambio social é o coñecemento da opresión e o descontento con esta. No caso das inmigradas e a súa heterorrepresentación e ausencia do espazo público mediático este feito xa ven dado. O seguinte paso é a reclamación da autodesignación parella á constitución das inmigradas como suxeitos, tarefa que esixe unha colaboración dos medios, na medida en que son unha ferramenta fundamental de creación de identidades.
O silenciado das migradas lesiona a construción dun feminismo universal e tamén dun feminismo coherente no contexto galego no que nos situamos, na medida en que a voz é unha das ferramentas para a participación nun diálogo e para poder construírse nun sistema propio, máis alá da dobre heterodesignación patriarcal, tanto por parte da cultura de orixe como da occidental. A perspectiva crítica é a ferramenta máis valiosa coa que incidir no funcionamento das institucións que, como os medios, teñen mecanismos de autorregulación e control, e unha vocación de servizo público, dado que a información é un dereito universal.
A trazos xerais podo afirmar que as mulleres inmigradas teñen unha actitude crítica, alimentada pola súa experiencia migratoria, que lles permite observar os medios con criterio e ser conscientes en boa medida dos efectos e a conformación das estratexias discursivas que estes empregan para xerar os estereotipos onde as pretenden pechar. Os estereotipos xerados e reforzados nos medios de comunicación seguen unha lóxica moi semellante ás identidades pechadas e as concepcións holísticas e estancas de culturas que manexa certa póla conservadora da teoría política multiculturalista. A perspectiva feminista critica tanto a concepción inmobilista das culturas e as identidades como a conformación e mantemento dos estereotipos, na medida en que funcionan do mesmo xeito e responden a un mesmo esquema de pensamento intolerante e filopatriarcal.
Nesa medida, este artigo contribúe a visibilizar unha realidade pouco explorada no contexto español e galego, que ten unha gran relevancia política e social na actualidade, así como un oco preferente na axenda feminista.