Autora: Adán Villamarín, Carmen   Título: Impórtalle a tecnoloxía ao feminismo?

 

¿Impórtalle a tecnoloxía ao feminismo?

 

Carme Adán Villamarín

Coordenadora da Aula Castelao de Filosofía

Existe un certo pasar dos temas científicos e tecnolóxicos nas preocupacións e reflexións das feministas. En parte propiciado por unha ideoloxía, común a toda a sociedade, que considera á tecnoloxía á marxe das axendas socio-culturais e a relega interesadamente aos centros de investigación e xestión tecnolóxica que se imaxinan moi afastados da cidadanía. Tamén inflúe o feito de que o feminismo, como movemento crítico da cultura, teña feito un maior esforzo de análise en ámbitos como a política, a ética, a antropoloxía ou a socioloxía, chegando ao cuestionamento da ciencia e a tecnoloxía fai escasamente dúas décadas.

Sen embargo, estamos asistindo a todo un cambio social provocado polas novas tecnoloxías que irrompen nas nosas vidas, nos nosos corpos, nas nosas formas de actuar e de relacionarnos. Dende os grandes aparellos industriais á máis común das lavadoras vivimos inmersas nunha realidade tecnolóxica, que non só nos rodea, senón que nos configura. Ante as novas técnicas de reproducción asistida, os alimentos transxénicos, o diagnóstico xénico, o consumo e a producción de enerxía, os problemas ecolóxicos, o control da información e as novas formas de comunicacións, que todos os días nos formulan interrogantes, dúbidas e reflexións debemos ser quen de opinar e intervir ao respecto.

Hoxendía case que podemos dicir que habitamos nun mundo tecnolóxico e que o tecnolóxico habita en nós. Somos corpos moldeados pola tecnoloxía, axentes sociais definidos en función das tecnoloxías e os intereses das multinacionais, productores e consumidores de información e cultura a través de variados soportes tecnolóxicos, vivimos en entornos materiais, ambientais, económicos e políticos determinados en boa medida polas innovacións tecnolóxicas. Esta ontoloxía na que estamos inmersas demanda novas formas de pensamento e de transformación. Semella imporse a necesidade de comprender a ciencia e a tecnoloxía como realizacións culturais para rachar coas disociacións tradicionais entre ciencia e sociedade, co obxectivo de fructificar en novas tecnoloxías culturais de interpretación, valoración e intervención.

Como seres tecnolóxicos nunha era de difícil definición, cómpre que sexamos conscientes do sentido político da tecnoloxía e a súa relación coa orde social. Como seres tecnolóxicos mulleres, a necesidade é dobremente imperante, xa que os valores que permean as institucións investigadoras e xestoras de tecnoloxías distan moito de tender cara á igualdade e o reparto xusto da riqueza. Só a modo de exemplo expóñense os seguintes puntos:

1. As mulleres sofren a tiranía de moitas das tecnoloxías do primeiro mundo, que ás veces, máis que responder a necesidades, as crea. Así, cómpre que a roupa estexa tan branca que unha persoa pasa a vida poñendo lavadoras, pasándolle o ferro e recolléndoa.

2. A agricultura científica leva en moitos casos a unha tecnoloxía agrícola dominante e allea á realidade social e mesmo económica dos lugares onde se aplica. A Revolución Verde encarna unha combinación tecnolóxica que dá primacía á investigación de laboratorio, ás aportacións manufacturadas e aos tratamentos da agricultura como un sistema de producción illado do seu ecosistema. Co paso do tempo produciuse unha devaluación e marxinación sistemática dos coñecementos autóctonos acerca da variedade de especies, dos procesos naturais e das posibeis formas de interacción entre as persoas e a natureza. Estes efectos foron especialmente perniciosos para as mulleres dos paises non desenvolvidos, como a India, que en moitos casos mantiñan a subsistencia familiar en base a un aproveitamento dos recursos naturais en equilibrio co medio ambiente. As talas masivas atendendo a intereses do beneficio inmediato converteron en ermos os terreos, empobrecendo máis as familias con menos recursos.

3. O caso das tecnoloxías médicas tamén é revelador. O occidente rico invirte enormes cantidades de diñeiro en tecnoloxías de reproducción asistida como a fecundación in vitro ou a inxección introcitoplasmática de esperma, con altos beneficios que alcanzan tan só a unha selecta minoría. Nos países menos desenvolvidos, un tercio das mulleres de 15 a 44 anos de idade padecen enfermidades que teñen que ver coa gravidez, aborto ou aparato reproductor. Segundo a Organización Mundial da Saúde, cada ano morre medio millón de mulleres por causas relacionadas coa gravidez e o parto, das cales o 99% pertencen a países menos desenvolvidos.

 

A XVIII Semana Galega de Filosofía, organizada pola Aula Castelao de Filosofía en Pontevedra do 16 ao 20 de abril, co título «Filosofía e Tecnoloxía» proporcionou un espacio para a reflexión sobre a estes temas, nomeadamente as relacións entre Tecnoloxía e a Sociedade. O debate sobre a tecnoloxía e as mulleres non faltou neste achegamento a realidade tecnolóxica das nosas vidas. Dúas foron as relatoras que de forma máis directa presentaron este tema, Eulalia Pérez Sedeño e Carme Alemany.

Eulalia Pérez Sedeño, Catedrática de Lóxica e Filosofía da ciencia do Pais Basco e investigadora en temas de Ciencia e Xénero, comezou por definir cal é o sentido da tecnoloxía hoxe en relación coa sociedade. Para Pérez Sedeño cómpre falar de tecnociencia, no canto de ciencia por unha banda e tecnoloxía por outra, para marcar os vínculos cada día máis fortes entre ciencia, tecnoloxía e sociedade; así définiu na súa intervención a tecnociencia como «o producto da investigación que emprega métodos e técnicas característicos; pero é tamén un corpo de coñecementos e procedimentos organizado, un medio de resolver problemas; é unha institución social que necesita instalacións materiais, é unha cuestión educativa, un recurso cultural que necesita ser dirixido e un factor fundamental nos asuntos humanos. Isto é, é un sistema formado por trebellos, deseñadores/as e usuarios/as, entre os que se dan determinadas relacións, mais todo isto situado nun contexto socio-histórico concreto». Esta formulación permite introducir a reflexión sobre os valores que se filtran en toda esta rede de relacións na cal se establece o coñecemento tecnocientífico. Para esta relatora «se somos capaces de recoñecer o papel que as situacións socioculturais xogan no coñecemento e práctica tecnocientíficas, que son experiencialmente múltiples e variadas, se logramos a obxectividade mediante a crítica social á que todos os productos tecnocientíficos deben estar sometidos, quizais poidamos conquerir os ideais ilustrados de xustiza e liberdade, sen que sexa necesario rexeitar a ciencia e a tecnoloxía».

A proposta de Pérez Sedeño baséase no recoñecemento da non neutralidade valorativa da tecnociencia. Isto implica para o feminismo todo un camiño de traballo no deseño de propostas educativas e políticas que converxan nunha maior democratización da ciencia e a tecnoloxía. «O reto consiste en promover a participación e o control por parte da cidadanía dunha ciencia realmente liberadora».

Carme Alemany, socióloga e directora do Centro de Estudios da Muller e a Sociedade de Barcelona, centrou a súa intervención nos sesgos androcéntricos do deseño tecnolóxico. Como apoio a súa afirmación expuso o exemplo da concepción da lavadora nas suas diferentes fases. Alemany destacou que «en xeral ao estar os departamentos de Marketing e Enxeñería do Producto compostos unicamente por homes, as mulleres non teñen poder de decisión sobre as orientacións e as características do obxecto técnico, así as únicas mulleres que interveñen ao longo do proceso da concepción son as operarias do laboratorio de ensaio». Por outra banda, este obxecto técnico ―a lavadora―, que se presenta a nivel publicitario como un obxecto que pode ser empregado indistintamente por homes os mulleres para facilitar as tarefas domésticas, presupón un coñecemento do lavar a man. Para Alemany se supoñen certos coñecementos previos por parte dos deseñadores, como as propiedades dos diferentes tipos de materiais textis xunto cunha experiencia do lavado, porque dalgún xeito están pensado que as mulleres son as usuarias maioritarias deste electrodoméstico. A análise que fixo esta autora do proceso de concepción, producción e venda da lavadora ―baseado nun traballo de campo realizado polo seu equipo de investigadoras― tiña por obxectivo xeral ilustrar a minusvaloración que ten a industria tecnolóxica polos coñecementos cotiáns, en tanto que son posuídos por grupos afastados dos centros de poder/saber.

Eis dúas perspectivas do que hoxe xa se coñece como campo de Ciencia, Tecnoloxía e Xénero, onde a análise dos discursos científico-tecnolóxicos dende a perspectiva de xénero pretende non só ser un elemento corrector de sesgos androcéntricos senón que quere contribuír á consolidación de valores contextuais, como a igualdade ou a democratización do saber, para que teñan incidencia constitutiva na construcción e aplicación de teorías e artefactos científico-tecnolóxicos. En palabras de Donna Haraway: «(a participación)... É política cultural e é política tecnocientífica. A tarefa é construir colectivos máis poderosos en épocas perigosamente pouco prometedoras».