EDITORIAL

O poder exercido pola maioría das relixións é un poder masculino, que discrimina —cando non despreza ou somete—, ás mulleres. Nas tres relixións monoteístas, o cristianismo, o islam e o xudaísmo, o Deus único é unha figura masculina, un deus creado por homes á súa imaxe e semellanza e non ao revés. Son homes os que están no cumio da xerarquía relixiosa e os que transmiten as directrices espirituais. Nestas relixións, como en case todas, persiste unha idea perversa que disocia natureza e espírito, corpo e alma. Ao dar ao espiritual un valor superior e situar ás mulleres máis preto da natureza, o poder relixioso sempre xustificou os intentos de sometelas, de controlalas.
(ver máis)

ARTIGOS

Das nosas angueiras e das nosas andainas

Seguimos celebrando o trixésimo aniversario desta publicación, Andaina: Revista Galega de Pensamento Feminista.
Neste tempo pasaron moitas cousas no mundo en que vivimos, na propia revista e, por suposto, en nosoutras, que temos aprendido, gañado experiencia e, como non, fixémonos máis vellas.
Nacemos nunha sociedade, a galega dos anos 1982-1983, que experimentaba un sistema democrático logo de tanta represión e tanto silencio en todas as ordes da vida. Unha represión que alcanzou de xeito fondo á sexualidade, ao amor, ao desexo, ás relacións entre os sexos, ao papel das mulleres na sociedade e en todos e cada un dos lugares nos que estas estaban: no ámbito doméstico, na igrexa ou no espazo público.

As mulleres decidimos

A moi ameazante reforma de Gallardón en cuestión de aborto, mobilizou forzas e afáns para tentar paralizar semellante agresión.
Mobilizou tamén os desexos e as necesidades de unidade, vencendo sectarismos, ideas preconcibidas e sendo quen de xuntar as poucas ou moitas forzas que existían para dar a batalla.
Hai tempo que veñen medrando cabreos diversos polas políticas seguidas na Xunta de Galicia en cuestión de anticoncepción, información sexual, peche de Centros de Orientación Familiar na Coruña, subvencións de 175.000 euros no 2012, a un conxunto de organizacións antiabortistas (Hijas del Divino Cielo de Burela, Religiosas Siervas de la Pasión de Vigo, Betania de Jesús Nazareno na Coruña, Rebaño de María Obra Social Sí a la Vida de Lugo, Asociación Ayuda a la Vida en Vigo ou a Red Madre en Pontevedra, Ourense e A Coruña) e un longo etcétera. Así que había unha situación propicia e os ventos sopraron favorables
....

Conclusións do IV Encontro de Otras Voces Feministas.

A corrente de opinión Otras Voces Feministas celebrou o seu IV Encontro os días 7 e 8 de xuño. En anteriores encontros, as feministas temos analizado os avances nos dereitos das mulleres, impulsados pola loita feminista e recollidos, en parte, nas reformas lexislativas dos gobernos socialistas; temos criticado, tamén, as lagoas, insuficiencias e erros das políticas institucionais e temos proposto modificacións e novas reformas en diversas materias....

 

O planeamento familiar en Galicio , un pioneiro: Xosé Anxo Vidal Pan (Nanina Santos Castroviejo)

Sorprenderá a xente moza saber que a anticoncepción estaba prohibida en España até 1978. O artigo 416 do Código penal castigaba a información, a prescrición, a divulgación ou a propaganda de calquera medida ou método anticonceptivo con multa de 5 a 100.000 pts. daquelas e arresto maior.
Así era a cousa, porque o franquismo impuxo a política e a ideoloxía aos seus gobernados, meteuse nas vidas privadas e por suposto tamén en como había ser a sexualidade, o sexo, a reprodución, a familia, etc.
.

Entrevista a María Xesús Díaz Anca
psicóloga do Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar, na Coruña
(Ana Luisa Bouza Santiago)

Nos últimos tempos, na Coruña estamos a vivir mobilizacións cidadás ao redor dos centros de orientación familiar. Chus Anca é psicóloga do COF de Orillamar e explícanos a situación que están a vivir.

C.A.: A razón das mobilizacións é que a finais de decembro, o SERGAS informou de que o xinecólogo do outro COF, o do Ventorrillo, xubilábase e non ían cubrir a praza. O que supuña que o centro de Orillamar onde eu traballo, que xa está colapsado, tería que atender a todas as mulleres que precisan revisión e que antes atendía o outro COF, sen ampliar o persoal..

 

Vacina contra o virus do papiloma humano. Prevención ou negocio da indrustria faramacéutica? (Carmen Carrazoni Múñoz e Elvira Perpinyà Brull)

No ano 2008 o Sistema Nacional de Saúde incorporou o calendario de vacinacións sistémicas, a vacina contra o virus do papiloma humano —VPH—, para nenas en idades comprendidas entre os 9 e os 14 anos.
A vacinación completa consta de tres doses cuxo custo é de 350 euros.
Esta vacina tense presentado como unha prevención contra o cancro invasivo de colo uterino, pero non hai unha evidencia poboacional da redución desta enfermidade, porque non houbo tempo suficiente para comprobar os resultados. Téñase en conta que este tipo de cancro tarda en desenvolverse, alcanzando a súa máxima incidencia entre os 40 e os 50 anos e a vacina aplícase entre os 9 e os 14 anos. Noutras palabras, os beneficios da vacinación non se recollerán antes do período que vai do ano 2030 ao 2035.
...

Custodia Compartida (Ana Luisa Bouza Santiago)

As estatísticas sobre divorcios e asignación de custodia son moi recentes e non exhaustivas, os datos non sempre son comparables porque se modifican continuamente os indicadores. Non hai períodos longos de información que permitan analizar a evolución, porén advírtese un cambio que xa se produciu antes noutros países: menos matrimonios e máis divorcios. Segundo datos de 2011 casaron en Galiza 9164 parellas e divorciáronse 5705, mentres que en 1999 casaran 11.947 e divorciáranse 1939. En 2011 adxudicáronse 2444 custodias á nai, 200 ao pai e 252 compartidas. En 2005 asignáronse 2357 á nai, 236 ao pai e 189 compartidas.

 


Defensa de Dominique Bertinotti do proxecto de lei do Matrimonio Homosexual en Francia
(Laura Gómez Lorenzo)

A lei do Matrimonio Homosexual promulgada en Francia polo presidente François Hollande (contemplada no seu programa electoral), tras obter 249 votos a favor e 97 en contra e ser ratificada polo Consello Constitucional, entrou en vigor o pasado 18 de maio deste ano 2013. A lei abre a vía da adopción para as parellas homosexuais casadas. Este aspecto, sobre todo, foi o que máis disparou a xenreira homofóbica da dereita, que protagonizou multitudinarias, agresivas e constantes manifestacións asombrando os/as foráneos/as que tiñan a imaxe dun país que fixera bandeira dos dereitos civís. Mais o 28 de xuño París era unha festa do arco iris.

 

Obradoiros do reencontro, para o bo trato (Tereixa Ledo Regal)

Foi en marzo do 2009 cando convoquei a primeira edición do obradoiro Autocoñecemento para o cambio. Seguiron despois moitas outras, dos obradoiros de Relacións afectivas e vínculos amorosos e de Crises e loitos. Despois de ter experimentado eu mesma a Terapia de Reencontro como algo transformador, e dun proceso de formación de máis de cinco anos, o meu desexo era ofrecer esta marabillosa posibilidade na Galiza, dando prioridade inicialmente a espazos para mulleres..

 

Mulleres no Renacemento (Ana Souto Villanustre)

A historia da arte, desde moi pequena e, sobre todo, desde 6º de primaria, sempre me resultou apaixonante. A miña profesora, Teresa, que me deu clase en 5º e 6º de primaria, animábanos a poñernos na pel dun explorador e adoitaba dicirnos que o segredo estaba en observar coidadosamente cada anaco dos elementos que conforman o mundo do noso arredor. Desde entón, cada vez que vou de paseo ou fago unha viaxe, ou incluso unha simple visita á cidade veciña de Santiago de Compostela, poño os meus anteollos máxicos e observo cada unha das casas, igrexas, escudos, cruceiros e campanarios que forman parte da paisaxe. Miro con atención cada unha das pedras, coma se fosen murmurar algún segredo.

 

 

Con letra e música (Isabel González Avión)

Que importante é ter espellos onde mirarse! No momento actual, dentro do panorama cultural galego existen producións artísticas que nos fan sentir orgullosas, xa que configuran a estética e dan voz ao vivir das mulleres galegas de comezos do século XXI. No eido da música están a acontecer cousas moi interesantes, moi relevantes, cun clarísimo protagonismo feminino. As nosas cantantes e instrumentistas non son rostros fermosos ou corpos atractivos que se poñen enriba dun escenario para dar voz ás creacións doutros. Non. Certamente nos últimos vinte anos asistimos a unha auténtica construción dun discurso feminino neste ámbito. Uxía, Mercedes Peón, Guadi Galego, Ugia Pedreira, Clara Pino, Sés... son compositoras de letras e de melodías. Ben é verdade que adoitan contar coa colaboración de músicos, excelentes arranxistas e instrumentistas.

 

Lembranzas duha época. Carmen, sanadora dos males que a medicina non pode curar (Angélica e Patricia Comesaña Comesaña)

Carmen é unha desas mulleres especiais coas que unha ten a fortuna de encontrase nesta vida. Muller forte, valente e decidida que non ten pelos na lingua para contar a historia da súa vida. Pertencente a unha de tantas familias numerosas e humildes que poboaban a Galicia da posguerra, tivo que deixar os estudos para poñerse a traballar nunha fábrica de conservas ...

 

Libros:

SÁNCHEZ, Áurea: Las Marías de Santiago de Compostela. Representación de la identidad femenina en los medios de comunicación, Santiago de Compostela, Agrupación de Mulleres Xornalistas (AMX) de la Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela, 2012, 193 pp.

Las Marias de Santiago de Compostela (Nanina Santos Castroviejo)

É interesante esta investigación de Áurea, unha colaboradora desta nosa Andaina, presentada en 2011 como traballo final do «Máster en Igualdad de Género en el Ámbito Público y Privado» da Universitat Jaume I de Castellón, porque aparte de analizar como contribúen á construción da identidade feminina os medios de comunicación e a publicidade en xeral, analiza o caso concreto das Marías de Santiago, Maruxa e Coralia Fandiño Ricart.
A autora, xustifica en primeiro lugar, a elección do traballo e a metodoloxía usada: feminista, tan necesaria. Entre outras razóns, porque raramente os movementos feministas logran converterse en fontes de información e opinión para os medios de comunicación.

(Ir ao principio)


CONTRAPORTADA

A papisa Xoana


O pasado 13 de marzo o arxentino Jorge Mario Bergoglio converteuse no papa de Roma. Os medios de comunicación, no fervor mediático que precedeu o evento, enchéronse a recordarnos que calquera cristián bautizado podía ser elixido cabeza visible da Igrexa católica. Referíanse, naturalmente, a calquera home, a calquera varón.
Tras a elección, o papa Francisco non tivo que sentarse na sella stercoraria, unha cadeira co cu furado que até o século XVI se usou no Vaticano para demostrar a virilidade do pai da Igrexa...



(ver máis)

Ultimo número á venda
nº 63 outono 2013

SUBSCRIPCIÓN

Subscribirte é a mellor forma de contribuir a espallar e manter a revista

Editorial (andaina 63)

(Ir ao principio)


O poder exercido pola maioría das relixións é un poder masculino, que discrimina —cando non despreza ou somete—, ás mulleres. Nas tres relixións monoteístas, o cristianismo, o islam e o xudaísmo, o Deus único é unha figura masculina, un deus creado por homes á súa imaxe e semellanza e non ao revés. Son homes os que están no cumio da xerarquía relixiosa e os que transmiten as directrices espirituais. Nestas relixións, como en case todas, persiste unha idea perversa que disocia natureza e espírito, corpo e alma. Ao dar ao espiritual un valor superior e situar ás mulleres máis preto da natureza, o poder relixioso sempre xustificou os intentos de sometelas, de controlalas.
Controlar, o noso corpo e someter as nosas mentes, negándonos a capacidade de decidir se queremos ou non ser nais e impartindo doutrina desde o púlpito ou desde as aulas, non admitindo máis sexualidade que a reprodutiva nin máis verdade que a transmitida por eles.
A historia da relixión e das mulleres é unha historia de persecución e sometemento, desde a queima de bruxas ata as lapidacións por adulterio, desde a negación dun dereito tan elemental como decidir sobre o noso corpo, ata negar o acceso á educación ou impoñer vestimentas.
Baixo o amparo dun suposto maxisterio sobre as almas, a relixión exerce un poder real sobre os gobernos e sobre a cidadanía. Ao longo da historia e da xeografía este poder resulta máis ou menos evidente e máis ou menos combativo, pero, en todo caso, está sempre a carón das forzas máis conservadoras, establecendo alianzas económicas e políticas beneficiosas para os seus intereses.
No caso do noso país temos claros exemplos destas alianzas ao longo da historia. Se nos circunscribimos aos últimos tempos, baste recordar o apoio da Igrexa á ditadura franquista e máis recentemente, os enfrontamentos cos gobernos socialistas.
Durante o último goberno do PSOE, seguiron manténdose moitos dos privilexios da Igrexa, como as exencións de impostos, o mantemento do sistema de subvencións, o feito de que se permita o rexistro a nome da Igrexa de bens de titularidade pública, as e os docentes de relixión nomeados a dedo pola xefatura eclesiástica, pero pagados polo Estado, mesmo as indemnizacións nos casos de despido... Privilexios que agora, curiosamente, este partido denuncia nos medios. Conseguíronse importantes avances sociais como a legalización do matrimonio entre parellas do mesmo sexo, a implantación nas escolas da Educación para a Cidadanía ou unha lei de interrupción do embarazo que contempla a libre decisión da muller durante as primeiras 14 semanas.
A Igrexa católica fixo da loita contra estes avances o gran cabalo de batalla, do que se serviu para convocar manifestacións contra o Goberno e pedir o voto para os conservadores. Despois do triunfo do PP, a xerarquía eclesiástica sentiuse con máis forza que antes para esixir cambios lexislativos. Eliminada xa do programa educativo a materia de Educación para a Cidadanía e deixando en segundo plano a súa loita contra o matrimonio entre parellas do mesmo sexo, tras ser este admitido polo Tribunal Constitucional, aínda lle queda o seu grande envite contra as mulleres: a lei do aborto.
As modificacións que se propoñen desde o Goberno na lexislación do aborto supoñen un retroceso que vai más alá da primeira lei de 1985. O aborto volvería a ser considerado un delito grave cando se realice fóra de determinados supostos, entre os que, polo de agora, só se contempla o grave risco para a saúde da muller, mesmo as malformacións do feto poden quedar fóra destes supostos despenalizadores. E xa advertiu o señor ministro que o risco para a saúde física ou psíquica da muller haberá que acreditalo para que non sexa un mero «pretexto».
Aínda que Igrexa e Goberno non coinciden de todo neste tema —para a Igrexa o aborto non sería admisible en ningún caso—, de aprobarse a modificación, a Igrexa non sería belixerante, como non o foi durante o goberno de Aznar —coa lei vixente neses anos— e podería xustificar mellor o seu apoio ao PP durante a campaña electoral nestes momentos nos que na sociedade medra o enfado contra este partido pola corrupción e a desastrosa xestión da crise económica.
Onde si coinciden Igrexa e Goberno é nunha idea de muller na que se valora por riba de calquera outro o papel de nai e esposa, de coidadora do entorno doméstico. Se desde a Igrexa se promoven campañas a favor da familia tradicional e en contra do dereito ao aborto, convocando manifestacións ou enchendo as redes sociais con fotos de embrións, o ministro de Xustiza non ten reparo en afirmar que é a maternidade o que nos fai «mulleres de verdade» ou que hai unha «violencia estrutural» contra as mulleres embarazadas. O mesmo sucede co ministro do Interior, cando manifesta que o matrimonio entre persoas do mesmo sexo non debe ter a mesma protección dos poderes públicos que o matrimonio «natural», porque non garante a pervivencia da especie.
Cando a relixión se entremete no poder político, a historia nos demostra que as mulleres sempre saímos perdendo. Coa modificación da lei de interrupción do embarazo que pretende o Goberno os abortos non diminuirán, pero causarán un maior sufrimento ás mulleres que o precisen.
Se vivimos no marco dun Estado aconfesional, non deberiamos deixar que a doutrina da Igrexa condicione os dereitos de toda a cidadanía, nin tampouco, dito sexa de paso, que o Estado lle conceda tantos privilexios. Nunha situación de crise como a actual, na que o Goberno fai recortes nas pensións, escolas e hospitais, aumenta taxas e impostos e recorta ademais as axudas as persoas dependentes, non se pode admitir que subvencione á Igrexa católica con máis de once mil millóns de euros anuais, que a exima da maioría dos impostos (IBI, obras, sociedades...) e permita que a inmensa maioría dos bens e contas que ten baixo o seu poder sexan totalmente opacas.

 



Principio

Desde o ano 1983 até agora andaina ten as súas páxinas abertas aos debates do feminismo, as denúncias pola discriminación, ao intercambio de experiéncias. Unha revista feita por mulleres feministas desta parte do mundo que se chama Galiza.

   Contraportada (andaina 63)   

(Ir ao principio)

A papisa Xoana

O pasado 13 de marzo o arxentino Jorge Mario Bergoglio converteuse no papa de Roma. Os medios de comunicación, no fervor mediático que precedeu o evento, enchéronse a recordarnos que calquera cristián bautizado podía ser elixido cabeza visible da Igrexa católica. Referíanse, naturalmente, a calquera home, a calquera varón.
Tras a elección, o papa Francisco non tivo que sentarse na sella stercoraria, unha cadeira co cu furado que até o século XVI se usou no Vaticano para demostrar a virilidade do pai da Igrexa. Segundo parece, tras cada nova elección, celebrábase un ritual no que un diácono apalpaba os xenitais do electo mentres este permanecía pacientemente sentado na tal cadeira. En caso de que a observación manual fose satisfactoria, o diácono berraba: Habet! (referíndose a que o individuo posuía testículos). O público asistente replicaba entón entusiasmado: Deo gratia!
Tan singular costume caeu en desuso, segundo nos conta Cipriano Valera, en Los dos tratados, un volume publicado no ano 1588, porque os papas «demostraron ser homes nas mancebas, rameiras e putas que teñen». Bonita e sólida razón, que o escritor do XVI apuntala cunha longa listaxe de sucesores de san Pedro aos que engade o nome dos seus correspondentes fillos naturais.
Segundo parece, todo este barullo da cadeira furada e do magreo de xenitais ten que ver cunha tal Xoana, unha moza alemá, de orixe inglés que, travestida de frade, tería viaxado por toda Europa, estudado en Atenas e exercido a docencia en Roma, onde a súa sabedoría alcanzou tal sona que o pobo a aclamou por unanimidade como pai da Igrexa tras o pasamento do papa León IV (847-855). Seica a papisa e erudita Xoana tería gobernado a Igrexa católica durante dous ou tres anos, entre o 855 e o 857, sen que ninguén reparase na súa condición sexual.
O seu nome, que por suposto non figura en ningunha das listaxes oficiais da Igrexa católica, asóciase a un triste final, segundo o cal a moza embarazada do embaixador Lamberto de Saxonia púxose de parto xusto no medio dunha procesión, entre San Xoán de Letrán e San Pedro do Vaticano. A sorprendida concorrencia lapidou a parturienta e no lugar ergueuse unha estatua de pedra que representaba a unha muller vestida de papa cun cetro na man e un neno no colo. Segundo Bieito III, para «inspirar horror ao escándalo que sucedeu nese sitio». Lutero tivo a oportunidade de ver a estatua cando visitou a cidade en 1510.
A partir daquela, as procesións evitaron o lugar e os altos cargos eclesiásticos torceron a cara e o seu percorrido cada vez que se aproximaban á estatua. Supomos que, como na actualidade, temían que as costelas de Adán, as impuras que parimos con dor, nós, esas tentacións personificadas, ocupásemos un lugar que ao seu entender, non nos corresponde.


Para saber máis:
CROSS, Donna W.: La papisa, Barcelona, Círculo de Lectores, 1998.
BOCCACCIO, GIOVANNI: De claris mulieribus, Madrid, Cátedra, 2010.
La papisa, película dirixida por Sönke Wortmann, 2009.
La papisa Juana, película dirixida por Michael Anderson, 1972.


Principio