Ver máis noticias   Anterior   Primeira

 

Data:  2012-03-11 Tema:  8 de Marzo Orixe:  Feministas Galegas
Documento sin título

MULLERES GALEGAS EN LOITA POLOS NOSOS DEREITOS!
Neste contexto de crise capitalista, todos os gobernos nos lanzan a mesma mensaxe: fannos responsables dela e demándannos austeridade, sacrificio e resignación, en canto destinan axudas millonarias para garantir os intereses e privilexios da banca, grandes empresas e fortunas, monarquía, exército ou igrexa católica.
Dísenos que non hai cartos para a sanidade e o ensino públicos, que o sistema de pensións é insostible, que é preciso seguir reformando o mercado de traballo, mentres privatizan os bens máis básicos como a auga.
Dinnos que non hai cartos, para nós!
Dinnos que non hai recursos, para nós! Dinnos que hai que baixar salarios e pensións, os nosos... Xa está ben!
Este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, mulleres galegas de diferentes colectivos queremos denunciar a precariedade histórica á que estivemos sometidas polo sistema capitalista, baseado en que os esforzos sempre recaen sobre a mesma parcela da sociedade: a clase traballadora e os sectores populares. o suposto plan de actuacións contra a crise responde a motivos ideolóxico-políticos moito máis que a fundamentos económicos e, no caso das mulleres, as políticas de axuste están a ter un efecto perverso sobre as nosas condicións de vida e un retroceso de lustros nos dereitos que mediante anos de loita feminista acadamos.
A actual ofensiva patriarcal está alcanzando cotas insospeitadas. Só así se explica o recrudecemento do machismo nas institucións, a ausencia de políticas feministas reais, a eliminación de organismos como o Servizo galego de Igualdade, os Centros de Información ás Mulleres e de orientación afectivo-sexual, os impedimentos para acceder a métodos contraceptivos e, sobre todo, a última proposta de derrogar a Lei do aborto, que ten o seu punto de partida na retrógrada Lei da familia. Dita normativa só pretende instaurar o control alleo sobre o noso corpo e sexualidade, volvendo a situar ás mulleres na esfera doméstica.
Paralelamente, estamos a soportar unha vertixinosa escalada da precariedade laboral, que se expresa nunha cada vez maior temporalidade, no aumento da contratación a tempo parcial e en salarios insuficientes que impiden o goce dunha vida digna, plena e autónoma. Esta situación, que afecta a toda a sociedade, ten unha meirande repercusión nas mulleres debido aos maiores obstáculos para acceder e permanecer no mercado laboral en igualdade de condicións.
Se falamos das mulleres labregas hai que engadir as dificultades para acceder á titularidade das explotacións aínda hoxe e, no caso das mulleres migrantes e das empregadas do fogar, a situación agrávase, posto que á inseguridade laboral hai que sumarlle a xurídica.
Increméntase a explotación xa que sobre nós seguen a recaer as tarefas do fogar e de coidado de menores, maiores e persoas en situación de dependencia, traballo invisible que non conta con remuneración nin recoñecemento social algún, imposto pola desigual asignación de roles entre homes e mulleres e que esta crise non fai senón acentuar.
Que as mulleres non somos nada para os poderes políticos, relixiosos e económicos que nos gobernan é tan evidente que non só se reflexa en que sexamos as que máis gravemente sufrimos as consecuencias da crise, senón tamén en que as primeiras institucións desmanteladas foron as que traballaban pola igualdade, información e protección ás mulleres. Neste alarde de machismo, superioridade e hipocrisía, os diferentes gobernos renuncian garantir o dereito das mulleres a vivirmos sen violencias, ignorando a súa consecuencia máis extrema: máis de 70 mulleres son asasinadas só no estado español cada ano. Como é posible que, nesta realidade, se eliminen as políticas de igualdade e educación sexual?
Por todo isto, neste 8 de marzo, as mulleres feministas galegas en loita polos nosos dereitos, ESIXIMOS:
——Medidas concretas e recursos públicos en todos os ámbitos para erradicar a violencia machista (educativos, sanitarios, de información e de protección).
——Sanidade pública, universal e gratuíta de calidade, con atención especializada á saúde das mulleres.
——Ensino público, gratuíto, non sexista, laico, de calidade e en galego.
——Prestacións sociais e pensións dignas. Establecer medidas de acción positiva para evitar as desigualdades no acceso e na contía das pensións, derivadas de situacións de discriminación.
——Medidas para equiparar os dereitos laborais e de protección social das traballadoras do servizo doméstico cos demais réximes.
——Medidas que faciliten a regularización das persoas migrantes residentes e que garantan a plena igualdade de dereitos co conxunto da poboación galega.
——Accións dirixidas a eliminar as desigualdades salariais, a temporalidade, a precariedade dos traballos feminizados e a sobreexplotación das mulleres.
——Aplicación da Lei de titularidade compartida nas
explotacións agrarias.
——Unha política laboral, agraria, alimentaria, fiscal e social en función das necesidades da cidadanía, que estableza medidas de acción positiva para poñer fin á discriminación das mulleres e que poña freo á emigración da mocidade galega.
——Servizos sociais públicos de calidade que dean cobertura ás necesidades de coidado de familiares e persoas a cargo.
——Medidas que permitan compatibilizar a vida persoal, familiar e laboral, tanto aos homes coma ás mulleres.
——Medidas urxentes para a creación e a estabilidade do emprego. Implantación de medidas dirixidas a eliminar a discriminación salarial das mulleres.
——Medidas que garantan unha vida plena para as persoas con diversidade funcional.
——Dereito a gozarmos a nosa sexualidade, sexa calfor a nosa orientación sexual e a desenvolver un proxecto de vida en liberade e equidade.
——Respecto aos nosos dereitos sexuais e reprodutivos, que inclúe o control dos nosos corpos, garantindo o dereito ao aborto gratuíto na sanidade pública.
Asinan:
Feministas Galegas


 

 

Ver máis noticias   Anterior   Primeira

    Noticias do noso arredor, denuncias, comentos breves para abrir boca...

Ver outros temas:

cultura
ensino
prostitución
saúde
sexualidade
traballo
violencia
varios