A ABNEGACIÓN, VIRTUDE FEMININA, DO MUNDO CLÁSICO Ó IDEARIO
PATRIARCAL OCCIDENTAL
Ana Fraga
Ai daqueles que moito aman e non teñen unha estatura superior á
compaixón! O demo díxome unha vez «Tamén Deus ten
o seu inferno: e o seu amor polos homes». E hai pouco oinlle decir: «Deus
morreu. A súa compaixón polos homes teno matado». Estade,
polo tanto, previdos contra a misericordia: pois dela segue a chegar para os
homes unha nube. Certamente, eu coñezo os sinais do tempo. Pero recordade
isto: «Todo amor grande está por enriba mesmo da súa compaixón,
pois o que quere, sobre todo, é crear o amado.» Eu mesmo ofrézome
ó meu amor, e ó meu próximo como a min mesmo. Esta é
a linguaxe dos creadores. máis todos os creadores teñen que ser
duros. Así falou Zarathustra.
Con estas palabras propuña Nietzsche, en 1877, a confrontación
de valores máis radical fronte da compaixón e abnegación
tradicionais no mundo occidental cristián. (Valor que, por outra parte,
endexamais impregnou con seriedade aquela sociedade, de sempre imbuída
no valor supremo do éxito, do poder, do trunfo, tanto nos estamentos
civís como nos eclesiásticos.) máis nos ambientes intelectuais,
o escándalo xa estaba servido. A discusión, a pesar de que non
chegou máis que a círculos minoritarios, foi importante. En canto
ó ámbito feminino, fóra dalgunhas mulleres destacadas,
intelectuais e cunha vida ás costas do modelo tradicional de muller,
como a amiga de Nietzsche, Lou Andreas Salomé, non se pon en cuestión
ese modelo tradicional dunha muller submisa, con virtudes entre as que destacaba
a abnegación, preto da fidelidade ó esposo, xunto coa dedicación
á maternidade. Habería de chegar un máis amplo e profundo
movimento feminista, xa no século XX para facelo.
¿É aínda a abnegación unha virtude inculcada dende
a infancia á meniña, á futura muller? ¿Ten cabida
nesta educación actual para o éxito predominante na nosa sociedade
e proposta nos medios de comunicación social? Séguese a educar
de distinto xeito a nenos e nenas con respecto a tal valor? Sospeitamos que
a resposta é afirmativa e que é correcta a tese da socióloga
feminista americana, Nancy Chodorow,1 de que determinadas actitudes e valoracións
transmítense moi cedo, na primeira infancia, xunto coa a asunción
do papel maternal, de nai a filla. Nos círculos feministas a discusión
é viva e abonda neles a aceptación da abnegación en tanto
solidariedade, mentras é rexeitada en tanto ten aspectos de submisión:
solidariedade que non diminúa a propia definición ou que non a
impida. Lonxe dunha moral tradicional da abnegación, os modelos que poderíamos
chamar feministas englóbanse dentro de unha ética da propia realización,
concebida como «amor propio».2 Máis o modelo tradicional
non está tan lonxe das nosas vidas e da nosa propia formación
para que non sexa de interese afondar nas súas raíces culturais,
e antropolóxicas.
A estructura patriarcal, fundamento do dereito e da moral tradicional, como
é ben coñecido, ten a súa orixe nunha evolución
temperá, que no caso do Occidente comeza na Grecia Clásica, e,
a través da romanización e do dereito romano chega ás estructuras
e leis das nacions europeas, incluída a nosa. A aceptación pola
igrexa ou igrexas cristiás, dos valores e estructuras xa dominantes no
século IV, cando o cristianismo se converte na relixión do imperio,
non é máis que un dos episodios que reforzan a impronta grega
xa imperante no entramado socio-cultural. No seu libro máis personal
As confesións, Agustín de Hipona, un dos chamados «Pais
da Igrexa», trasmite, cun ton entusiasta e cheo de cor, moitos detalles
significativos desa amálgama de costumes e valores na que se produce
a súa conversión. Nas lonxanas (respecto de Roma) Tagaste e Cartago,
os fillos da burguesía edúcanse nun ambiente intelectual e nas
ideas da tradición grega: o aprecio da investigación filosófica,
o intercambio dialogado, o respecto ó «maestro», é,
o máis interesante para o noso tema: nun acotado espazo masculino. Os
xoves amigos de Agustín, como outros, da súa época, mesmo
teñen o proxecto de crear unha comunidade de convivencia masculina para
poderen disfrutar dun continuo intercambio. (A inoportuna formación dunha
parella heterosexual estable impide a realización do seu soño).
En canto ás ideas, o mesmo Agustín dá conta e explicación
de que é a filosofía platónica a ponte entre a tradición
na que se tiña formado e o cristianismo.
Non é estrano,polo tanto, que as ideas sobre a virtude feminina que Agustín
amosa ó falar das virtudes e cualidades da súa nai, Mónica,
estean tamen informadas dos conceptos e valores propios da moral greco-romana,
como os de esposo/señor e correspondentemente esposa/serva, alumna, menor,
e virtudes como a fidelidade, a abnegación, impregnadas de submisión,
con grandes doses de capacidade de asimilación do sufrimento, das bagoas,
do silencio e o disimulo. Vexamos todo isto nas seguintes palabras do admirado
fillo:
Tal foi a educación da miña nai, baseada na honestidade e na
temperanaza. Fuches ti quen lle aprendeu a obedecer os seus pais, máis
do que eles lle aprenderon a te obedecer. E cando chegou a idade de se casar
foi dada en matrimonio a un home a quen ela serviu coma ó seu señor.
Xamais desistiu do seu empeño en convertelo a ti, pois as virtudes coas
que ti a adornaches e polas que era repectada, amada e admirada por el, falábanlle
constantemente de ti. E de tal xeito soportou as inxurias do leito, que nunca
tivo pelexa por esta causa co seu marido infiel. Sempre esperou que a túa
misericordia chegaría sobre el e a castidade chegaría coa fe.
Aínda que moi cariñoso, o meu pai era extremadamente colérico.
Miña nai tiña moito coidado de no se lle poñer de fronte
cando estaba enfadado, nin nos feitos máis tampouco coas palabras. Se
ó cría oportuno, cando xa estaba tranquilo e sosegado, falaba
con el do seu defecto, facendo que vise que se tiña pasado un pouco máis
da conta. Moitas mulleres, coa cara desfigurada polos golpes que lles daban
os seus homes, menos coléricos có seu, murmuraban entre elas e
queixábanse do comportamento dos seus homes. A miña nai achacaba
estas queixas á lingua das mulleres. Entre bromas, recordáballes
que, dende o intre no que oísen a lectura das chamadas taboas matrimoniais,
debían consideralas como un contrato que as obrigaba a servir os seus
maridos. Recordando a súa condición, non debían exasperar
os seus señores.
A abnegación de Mónica, as súas bágoas, revélanse
nestas palabras, postas nos beizos da súa nai por Agustín, teñen
o seu raizame nos conceptos relacionais e as leis propias do mundo romano, fortemente
influído polo anterior desenrolo grego, tanto das estructuras familiares
como das propias leis. Da mesma maneira que o pai, kyrios, entrega a xoven Mónica,
recén chegada a pubertade, a un novo kyrios (‘señor’),
eran entregadas as xoves atenienses dos séculos V e IV antes da nosa
era ó chegaren a idade núbil. Do mesmo xeito a súa maior
virtude será a fidelidade submisa, ata a negación propia, ata
a abnegación.
Temos,pois, a necesidade de aproximarnos á Grecia clásica para
ben medir o alcance deste concepto tradicional, e podémolo facer a través
da análise das obras de Eurípides, especialmente nas dúas
adicadas precisamente a louvar esta virtude feminina. No drama «Alcestis»,
o autor debuxa a imaxe da esposa perfecta, disposta a dar a súa vida
no canto da do seu esposo. Na traxedia Ifixenia na Áulide, fai dunha
muller, Ifixenia, o modelo da abnegación patriótica.
Alcestis é a esposa modelo porque a súa abnegación chega
ó limite de ofrecer a propia vida para liberar ó seu esposo da
obriga que ten de morrer por unha condea previa dos deuses. A súa figura
tómase dun antigo mito, moi probabelmente da época de tránsito
dunha sociedade baseada na gran familia (genos) á pequena familia ou
familia nuclear. A primeira é unha sociedade onde as fidelidades se moven
de xeito vertical, ben pola vía patrilineal ou matrineal, ou mesmo ambas,
na pequena familia, a fidelidade primordial é a que se mantén
entre os esposos. Eurípides aproveita o antigo mito para afondar no modelo
de muller sacrificada nunha sociedade ateniense na que a institución
da familia nuclear e os vínculos directos desta coas institucións
públicas da ciudade están perfectamente desenroladas. Pero é
preciso insistir na fidelidade e abnegación femininas. No antigo mito
o que se destacaba era a conducta distinta entre os familiares do clan, (ascendentes
e descendentes), e a da esposa (non pertencente á propia gran familia
segundo os antigos conceptos). Na versión de Eurípides a oposición
dramática céntrase na distinta conducta dos homes e da muller,
egoísta a primeira, abnegada a segunda. Mais, para a nosa sorpresa, aínda
que se fai a loa continua da muller, non se condena a dos homes, máis
ben aproveitase a discusión, levada ó plan filosófico,
para afondar na condición humana (a verdadeira, a do varón), e
considerar que o egoísmo é un ingrediente natural nela. Por exemplo,
na discusión (na típica forma de agón dramático),
entre o marido de Alcestis, Admeto, e o seu pai, Feres, estúdanse os
límites do propio sacrificio, e asevérase que é inhumano,
impropio de home cabal, dar a vida por outro, mesmo o pai non o debe facer polo
seu fillo. A visión masculina sobre este tema complétase máis
adiante co discurso doutro personaxe masculino, o semideus Heracles, que afirma
unha moral que preludia o futuro epicureísmo: o home debe buscar o pracer,
aproveitar a bondade efímera das cousas, o que vai ofrecéndose
en cada hora.
Alegra, bebe, preocúpate únicamente pola vida de cada día,
deixa todo o demais nas mans da fortuna. Honra tamén a Cipris,3 que é
unha divinidade benévola.
(Alcestis, pp. 782 e ss)
Deste xeito alónxase a abnegación do horizonte masculino, queda
unicamente como virtude da muller. Alcestis, a esposa abnegada, vai ser louvada
por todos, mesmo polo recalcitrante Feres e adícanselle as inolvidables
palabras, moitas veces repetidas despois polos poetas: «que a terra sexa
para ti leve»:
Que saiba ela que vai morrer chea de gloria, muller a mellor, con moito, das
que viven embaixo do sol [...] pois ti fuches a única, queridiña,
a que entre as mulleres foi quen de rescatar o seu esposo do Hades, dando a
túa vida no canto del ¡que a terra caia leve sobre ti,muller!
(Alcestis, pp. 150 e ss)
Para facer maior a louvanza, o drama remata co resgate da abnegada esposa,
pola intervención dos deuses subterráneos, que impiden a sñua
entrada no Hades. Final feliz, impropio da traxedia o que fai a peza dun xénero
especial, pero a intención moralizante, o desexo de envolver a lección
proposta nun halo de esplendor, pesou máis que a norma literaria.
Da abnegación no ámbito da familia, pasaremos, da man de Eurípides,
a abnegación no ámbito público. En Ifixenia na Áulide
propónse o modelo da muller sacrificada por un home (o pai), polos homes
(os guerreiros), pola patria en definitiva. Neste caso a figura elexida, colléndoa
do mito como é habitual, é a filla de Agamenón e Clitemestra,
segundo as antigas historias relacionadas coa casa dos atridas e posteriormente
co ciclo troiano. Xa no Agamenón de Esquilo aparece asociada con ámbalas
dúas tradicións. Para a súa nai, Clitemnestra ela é
o motivo da vinganza contra o seu marido, pois el matouna asasinando «o
seu parto máis querido», frase que suxire a semellanza con outros
crimes cometidos na linaxe, de herdanza e descendencia matrilineal. ¿A
morte da filla maior, non sería pois outro crime pola trasmisión
do poder, como nas disputas entre Atreo e Tiestes, polo poder e a muller transmisora?
Pero, pola outra banda, fálase tamén dunha morte de maxia apotropaica,
para que o exército heleno, concentrado para partir cara a Troia, non
sexa impetido polos ventos provocados por Ártemis, unha deusa irritada.
Esta versión aparenta ser posterior, pero ambas aparescen imbricadas,
como se fosenn dun tempo.
Mais na obra de Eurípides acentúase o senso moralizante da historia.
Ifixenia vai ó sacrificio pola súa vontade. Convértese
así, como Alcestis, na heroína da abnegación, e dunha abnegación
tipicamente feminina. A súa morte é tamén gloriosa, e ela
mesma participa na alegría. A súa morte é a súa
victoria:
Prohibido chorar. E vos, os mozos, cantade propiciamente un pean, polo meu
destino. A Ártemis, filla de Zeus [...] porque vou procurarlle a Grecia
a salvación e a victoria.
Pero aínda vai subliñarse máis o sacrificio debido dunha
muller por un home, ó comparar a Ifixenia con Helena «a operdedora
dos homes» pola causa dun capricho sexual, tema recorrente en toda a traxedia
dende a primeira obra de Esquilo. En contraste con ela, Ifixenia declara que
o seu pai, Agamenón, vale máis, como home que é, e por
iso non debe expoñer a súa vida, agraviando a deusa, senón
dar ouvidos á petición dos aqueos que esixen o sacrificio do sacrificio
en ben do exército. O seu deber é a abnegación, ir ó
sacrificio gostosamente para que o seu pai poida ser un bon patriota, e conducir
ó exército á gloria.
Xa é dabondo a tindárida Helena para ter provocado loitas e mortes
pola súa persona.
(Ifixenia na Áulide, p. 1416)
Non está ben que (Agamenón) se vexa na obriga de afrontar a todos
os aqueos, nin morra por unha muller. Un home val moito máis ca mil mulleres
na vida. E se Ártemis quixo apoderarse da minha persoa ¿haberei
eu de resistirme, eu que son mortal fronte unha deusa? Non sería posible.
Entrego o meu corpo pola Grecia. Sacrificádeme, e arrasade Troia. Ese
vai ser o meu monumento funerario por longo tempo, e iso valerá polos
fillos, as bodas, a miña gloria.
(Ifixenia na Áulide, pp. 1394 y ss)
Velaí a procedencia da tradición occidental da virtude feminina
da abnegación. O seu sentido de sometimento de xénero ten o seu
raizame na moral creada pola cidade por antonomasia, a culta e democrática
Atenas. Atenas nai, magnifica tal virtude nas súas xoias literarias,
susténtaa nas súas leis e por tales vieiros chegaron ata nós.
_________
1 Pódese ver a súa análise na súa obra El ejercicio
de la maternidad, Barcelona, Gedisa, 1984.
2 Pódense ver os conceptos fundamentais e abundantes referencias á
tradición filosófica europea no coñecido ensaio de Fernado
Sabater que leva ese título, Ética como amor propio.
3 Deusa da sexualidade libre, alonxada da función reproductora.
|